NOTA DE PRENSA
COMUNICADO CRISE CORONAVIRUS
A OMS, máxima autoridade neste campo, apunta a manter o contacto nai-bebé e a favorecer a lactancia materna, aplicando as medidas preventivas pertinentes en cada caso.
Santiago de Compostela, 19 de marzo 2020.
A Asociación Galega de Matronas é coñecedora de que moitas mulleres embarazadas están a vivir esta situación de emerxencia sanitaria con dúbidas e inquietude sobre o seu estado, sobre as medidas preventivas que poden poñer en marcha e sobre a atención que van recibir nos centros sanitarios no caso de sospeita ou infección por COVID-19. Por iso, despois da consulta de toda a bibliografía científica dispoñible e con base nas medidas recomendadas pola OMS, organismo con máis autoridade neste campo, así coma doutras sociedades científicas de referencia tanto nacionais coma internacionais, as matronas galegas entendemos que mentres non se demostre o contrario, ten que prevalecer o contacto nai-bebé e a lactación materna co fin de evitar os danos físicos e psicolóxicos derivados de separar de maneira inxustificada á díada nai-bebé e de privar ao recentemente nado da lactación materna nunha etapa esencial.
O pasado luns solicitamos a modificación do Plan de Actuación en casos de xestantes en traballo de parto ou deterioro clínico con sospeita de infección por COVID-19 publicado pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria na web do SERGAS e elaborado a data 5 de Marzo de 2020. Comprácenos informar de que xa está retirado da web do SERGAS, porque se trataba dun documento que incluía recomendacións contrarias á evidencia científica actual, non permitía a súa aplicación en todos os centros hospitalarios onde se atenden partos e vulneraba o dereito á protección do menor. Á espera de que volten a publicar o documento actualizado, tanto embarazadas como persoal sanitario poden consultar o documento técnico elaborado polo Ministerio de Sanidade “Manejo de la mujer embarazada y el recién nacido con COVID-19”, publicado o martes 17 de marzo.
RECOMENDACIÓNS DA ASOCIACIÓN GALEGA DE MATRONAS
Recomendamos ás mulleres embarazadas:
1. Ficar na casa e lavarse as mans. Se é preciso saír do confinamento: manter a distancia social (1-2 metros entre persoas) para reducir o risco de contaxio.
2. Coidar da súa saúde física e mental:
• Descansar, manter unha boa alimentación e realizar exercicio lixeiro a diario.
• Validar as emocións e compartilas. Aproveitamos para lembrar as matronas estamos dispoñibles para escoitar e brindar axuda se a muller o precisa.
• Evitar falar do coronavirus todo o tempo: adicar tempo a centrarse no bebé, ás aficións personais, á lectura e información sobre a maternidade…
• Gozar o embarazo: a pesar das circunstancias que estamos a vivir, trátase dunha experiencia vital única e irrepetible que paga a pena gozar.
3. Realizar consultas teléfonicas (chamando ou solicitando cita teléfonica) ao centro de saúde: antes de acudir, xa sexa para unha visita de control ou para calquera dúbida vencellada ao embarazo ou á sospeita de exposición ou infección por coronavirus.
4. En caso de parto ante sospeita ou illamento por infección COVID-19:
• chama ao hospital antes de acudir.
• segundo a OMS, a recomendación é individualizar a asistencia seguindo as indicacións obstétricas e as preferencias da muller.
• animamos ao diálogo co equipo sanitario.
5. En caso de illamento domiciliario por sospeita de contaxio ou infección por COVID-19: seguir as medidas recomendadas polo Sergas e se tes dúbidas, chama ao teu centro de saúde por teléfono.
6. Recomendacións sobre o recén nado, teñan ou non sospeita ou infección por COVID-19:
• individualizar os coidados
• manter o diálogo co equipo sanitario
• ofrecer a posibilidade de estar xuntos nai e bebé, sobre todo despois do nacemento e mentres se establece a lactancia materna se o estado clínico da nai o permite.
• recoméndanse medidas de illamento respiratorio (mascarilla e lavado de mans).
7. Favorecer o inicio precoz da lactancia materna ante sospeita ou infección por COVID-19.
• o leite materno ofrece especial protección fronte a enfermidades infecciosas mediante a transferencia directa de anticorpos e outros factores antiinfecciosos e memoria inmunolóxica.
• recoméndase manter as medidas preventivas durante a lactancia: mascarilla, lavado de mans antes e despois das tomas e limpar de forma adecuada as superficies coas que tivo contacto a nai.
Estas recomendacións poden cambiar a medida que evolucione a información e aparezan novas publicacións.
INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA
1. Información do SERGAS: coronavirus.sergas.gal
2. Ministerio de Sanidade. Publicado 17.03.20: https://www.mscbs.gob.es/profesionales/saludPublica/ccayes/alertasActual/nCov-China/documentos/Documento_manejo_embarazo_recien_nacido.pdf
3. OMS .Publicado 13.03.2020.- Clinical management of severe acute respiratory infection when novel coronavirus (nCoV) infection is suspected.OMS. Disponible en: https://www.who.int/publications-detail/clinical-management-of-severe-acute-respiratory-infection-when-novel-coronavirus-(ncov)-infection-is-suspected
4. IHAN. Publicado 15.03.2020.- https://www.ihan.es/la-lactancia-materna-ante-la-pandemia-de-coronavirus-covid-19-recomendaciones/
5. Información AGAM actualizada: http://bit.ly/coronavirusAGAM
#quedanacasa #lavaasmans #todovaisairben