O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) súmase un ano máis á Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo (SESST), que se celebra este ano do 20 ao 26 de outubro.
Promovida pola Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo (EU-OSHA) e os seus socios en toda Europa, esta Semana Europea é unha ocasión destacada para reforzar a cultura preventiva nas organizacións e difundir boas prácticas en seguridade e saúde laboral.
Nesta edición, baixo o lema «Traballos seguros e saudables na era dixital», poñerase o foco nos retos e oportunidades da dixitalización no ámbito laboral, como a automatización, o traballo a distancia ou a intelixencia artificial, e no seu impacto sobre a seguridade e a saúde das persoas traballadoras.
Con motivo desta celebración, o ISSGA organiza dúas xornadas técnicas centradas na dixitalización e na prevención de riscos laborais:
- 21 de outubro · En liña · 10:00
Webinar: Intelixencia artificial, dixitalización e PRL: cara a traballos máis seguros e saudables
- 23 de outubro · Centro ISSGA Pontevedra · 10:15
Xornada técnica presencial: Dixitalización do traballo: traballos seguros e saudables na era dixital
Os programas completos e os formularios de inscrición están dispoñibles na nosa web
Animámosvos a participar nestas actividades e a contribuír á difusión da campaña europea, compartindo boas prácticas e fomentando espazos de traballo máis seguros e saudables na era dixital.
