A xornada “Xestión da Demanda en Atención Primaria: Compartindo experiencias”, organizada o mércores pola Consellería de Sanidade, puxo de manifesto a necesidade de ordenar a atención primaria e de facultar a todos os profesionais presentes nos centros de saúde para desenvolver o 100% das súas competencias.
Mª Sol Montenegro Alonso, vicepresidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Pontevedra, acudiu xunto con representantes dos outros colexios Oficiais de Enfermería de Galicia a esta xornada de posta en común de experiencias similares en diferentes Comunidades Autónomas, que tiñan como denominador común a xestión da atención a demanda según os motivos de consulta e a súa asistencia polos diferentes integrantes do equipo de Atención Primaria buscando o traballo en equipo pero poñendo o acento na resolución autónoma da atención polos diferentes compoñentes.
O acto contou con profesionais expertos do ámbito da Atención Primaria de Andalucía, Cataluña, Canarias e País Vasco, comunidades que teñen en marcha algún sistema de xestión da demanda en equipo. “El objetivo de esta jornada es compartir el conocimiento que han generado las diferentes experiencias de gestión de la demanda en sistemas de salud de otras comunidades”, explicó Estrella López-Pardo, directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade.
Aínda que os programas presentados dende as citadas comunidades diferían en amplitude ou ambición, coincidían nun punto fundamental: a existencia de protocolos, única seguridade xurídica para as nosas profesionais.
No distrito sanitario Jaén Sur traballan con 18 protocolos para motivos de consulta de enfermería, no OSI de Uribe (País Vasco) comezaron con 7 e Alba Brugués, do CASAP Can Bou (Consorci de Castelldefels Agents de Salut), explicou que na súa área sanitaria hai máis enfermeiras que facultativos.
Brugués insistiu na súa comunicación que a enfermeira, a través da protocolización das intervencións, ten capacidade de dar unha atención integral e completa os cidadáns, evitando duplicidades e que o futuro pasa por un desenvolvemento completo das competencias enfermeiras en materia de prescripción.
A cargo de Sofía López Liñares e Mª Jesús Rodríguez Abellón, xefas de servicio do SAP Islas Canarias (Lugo) e Culleredo (A Coruña), estivo a presentación das virtudes do XIDE, posto en marcha nas súas áreas como experiencia piloto, aínda que quedou patente que en Galicia, polo de agora so se iniciou a primeira fase do programa. Xa que, como Mª Jesús Rodríguez explicou o remate da súa ponencia, os protocolos de Enfermería de Práctica Avanzada na nosa comunidade aínda están sobre a mesa dos diferentes grupos de traballo.
Compre recordar que as organizacións colexiais de Enfermería de Galicia, e a AGEFEC, sempre valoraron positivamente o sistema de Xestión Integral da Demanda en Equipo, pero rexeitan a súa instauración inmediata, pois aínda se atopa nunha fase moi prematura ao contar só cunha fase de pilotaxe, insuficiente para valorar a súa viabilidade, e a inexistencia polo momento de protocolos de actuación para as enfermeiras.
Mª Sol Montenegro Alonso, vicepresidenta da organización colexial de Pontevedra, valorou positivamente coñecer que a ordenación da Atención Primaria é un tema capital non só na nosa Comunidade Autónoma e que estamos ante unha grande oportunidade para alcanzar o maior desenvolvemento da nosa capacidade e competencia profesional.
Escoitando as intervencións dos convidados temos múltiples exemplos para seguir pero, con respecto a situación en Galicia, a xornada non aportou datos novos sobre os demandados protocolos que nas demais Comunidades foron o paso principal para poñer en marcha o sistema. O XIDE estase a implantar pola Consellería de xeito precipitado, facendo que este interesante proxecto adoleza de confianza e seguridade tanto para as profesionais como para os pacientes.