O Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra adhírese á campaña institucional de información á poboación sobre as medidas preventivas e normas básicas que todos debemos coñecer e respectar para facer fronte á pandemia provocada polo Covid-19.
Desde mediados do mes de marzo tivemos que cambiar as nosas rutinas vitais e adaptarnos a unha limitación dos nosos movementos, coa conseguinte paralización da vida social, cultural e de gran parte da actividade económica e comercial do país.
Sufrimos graves perdas en termos de vidas humanas e sufrimento persoal, o sistema sanitario e os nosos profesionais estiveron sometidos a fortes tensións, e as repercusión en postos de traballo e económicas son cuantiosas. Todos os días hai persoas que enferman, e tamén todos os días temos que lamentar a perda das vida das que falecen.
Con este confinamento conseguimos frear o ascenso da curva epidémica e que os novos casos comezaran a diminuír desde os primeiros día do mes de abril. Os profesionais do sistema sanitario, tras unha resposta extraordinaria, poden comezar a recuperar a normalidade. Puidemos así retomar algunha actividade laboral, que os menores comezaran a saír das nosas casas, e mais recentemente, desde o día 11, que acadaramos a denominada fase I.
Nesta nova fase aumentou a liberdade de movementos, e as posibilidades de ver a amigos próximos e familiares, coa posibilidade de sentarnos nunha terraza dun establecemento hostaleiro, de facer algunhas compras no pequeno comercio, de movernos pola nosa provincia.
Pero non podemos esquecer que a pandemia non rematou, que a transmisión do virus segue aí. Que non dispoñemos de tratamentos definitivos nin dunha vacina para facerlle fronte. O mais importante agora é mellorar o xa acadado, conter a transmisión, evitar un novo brote.
Para iso é imprescindible que todos e cada un sexamos responsables e solidarios. As forzas de orden público, e os propietarios de comercios e hostalería teñen un papel esencial, pero non poden ser os únicos que velen polo cumprimento das normas que protexen a saúde pública, a de toda a sociedade.
Todos temos a obriga de cumprir as normas, e de contribuír á recuperación da normalización sanitaria, social e económica. Non podemos esquecer que somos susceptibles de infectarnos, de enfermar, e de transmitir a infección aos demais, con todas as consecuencias que xa vimos que implica.
Para evitalo, para continuar avanzando, teñamos sempre presente que:
- Se temos febre, tos ou dificultade respiratoria: Non saiamos da casa, poñerse en contacto co centro de saúde ou co 900 400 116
- Os virus pódense transmitir en ausencia de síntomas, polo que todos debemos manter a distancia de seguridade de 2 metros, e usar máscara cando isto non sexa posible.
- Se toses ou esbirras e non levas máscara, utiliza un pano desbotable ou faino sobre o cóvado flexionado
- Lavar frecuentemente as mans con auga e xabón ou solución desinfectante. Evitar tocar a boca, nariz ou ollos despois de estar en contacto con superficies potencialmente contaminadas.
Sexamos responsables e solidarios, coidemos dos demais e de nós mesmos. Saiamos disto con sentidiño.